Ola a todo o mundo!
Eu son o trasno! Aínda que algúns prefiren chamarme
trasgo. Son un ser mitolóxico da cultura popular galega. Pódeseme definir como
un trasno bromista e gracioso. Son moi inquieto, salto sen parar por todas
partes e corro moi rápido. Gústame colarme nas casas pola noite e gastar bromas
pesadas como revolver a roupa, romper os pratos, esconder calcetíns, asustar ás
ovellas... Moita xente pensa de min que son un pesado, pero non teñen nin
idea... CO GRACIOSO E SIMPÁTICO QUE SON!!!
Encargareime persoalmente de guiarvos nunha gran aventura. Estades
listos?
Imos explorar por lugares máxicos escondidos por toda Galicia.
Imos descubrir cales son as historias que se agochan por aí sobre ese mundo
fantástico que nos arrodea.
Nesta viaxe hai que ir vixiantes, porque imos toparnos con
monstros, meigas, almas e outros seres que, segundo contan, andan polos nosos
bosques, os nosos mares e pode que, incluso, preto da casa.
Levaremos á man un mapa dos lugares polos que nos imos mover, un
libro onde estarán todos os pasos a seguir para investigar sobre estas lendas
que contan e, sobre todo, moooita curiosidade!