GUÍA PROFESORADO

Esta WebQuest está deseñada para permitir aos estudantes mergullarse no máxico mundo das lendas galegas, para o que realizarán unha busca de información e elaborarán un PowerPoint que lles sirva de apoio na exposición a toda a clase dos coñecementos adquiridos. Posteriormente, inventarán todos xuntos unha lenda. A duración da actividade é de 6 sesións e está pensada para o alumnado de 4º de Primaria, é dicir, de 9-10 anos.


A actividade está programada para unha clase de 25 alumnos que se dividirá en grupos de 5 persoas. Esta división dá lugar a 5 grupos: cada un encargarase de recoller información sobre as lendas dunha provincia galega, salvo un, que se centrará na lenda dos restos do Apóstolo Santiago. O alumnado traballará en grupo repartido a busca de información e a elaboración da presentación. En gran grupo realizarase a exposición dos traballos e a elaboración e dramatización da lenda inventada. Os grupos formaranse de maneira aleatoria, coa web https://echaloasuerte.com/,  para favorecer que os alumnos e alumnas aprendan a traballar con compañeiros/as distintos.


Antes do inicio da actividade, os estudantes deben ter unha introdución sobre que é unha lenda. Tamén é recomendable, no caso de que a forma de traballo con WebQuest sexa nova para o alumnado, facer unha demostración de como funciona no encerado dixital.


O papel do mestre/a é guiar o proceso de ensinanza-aprendizaxe, axudando e orientando ao alumnado. 
Os coñecementos previos que debe ter están relacionados con saber como manexar PowerPoint, o programa que os alumnos/as empregarán para a elaboración da presentación, para poder explicarlles como utilizalo e saber resolver dúbidas. Ademais, realizará a avaliación das tarefas segundo os criterios da rúbrica do profesorado (reflectidos no apartado "Avaliación" da WebQuest) e calculará a media entre esta avaliación e a autoavaliación do alumnado, para chegar así ao resultado final.